41 SEMANAS, 41 CARTEIS
23 Oct

41 SEMANAS, 41 CARTEIS


Na sala das novas tecnoloxías do Concello de Lugo ven de ser presentada a publicación “41 SEMANAS, 41CARTEIS”, editado polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, con motivo da XLI Semana de Cine.

A publicación recolle todos os carteis anunciadores das semanas de cine desde o seu comezo en 1971 ata o momento actual, sendo unha homenaxe que o grupo efectúa a todos os cinéfilos lucenses que ano tras ano expresan a súa devoción pola Semana de Cine.

As imaxes proceden, na súa maior parte, de cadanseu concurso anual entre deseñadores, dotado económicamente con 1.000€ nas convocatorias máis recentes, xunto cun trofeo, pero tamén hai encargos efectuados directamente a pintores lucenses, e mesmo –no caso das dúas últimas Semanas- son obra de Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de fotografía do Grupo Fonmiñá, sendo o do presente ano o que figura na portada da publicación que estivo, asimesmo, baixo a responsabilidade deste directivo do Grupo.

Deste libro fíxose unha tirada de dous mil exemplares, que serán distribuidos a través das entidades patrocinadoras –Concello de Lugo, Deputacion Provincial, Xunta de Galicia e Universidade/Campus de Lugo-, así como tamén será entregado aos espectadores que acudan ás proxeccións dos ciclos “Xoias do cine” e “sección oficial” deste xoves, no Auditorio Gustavo Freire.

A presentación correu a cargo – de esquerda a dereita na foto- de Jesús Varela Zapata (Vicerreitor de Cultura da Universidade de Compostela), Maite Ferreiro (Concelleira de Cultura de Lugo e Vicepresidenta/Delegada de Cultura da Deputación Provincial), Eduardo Rodríguez Ochoa (responsable da publicación) e Xulio Xiz (Presidente de Fonmiñá).