Comezou a XLI SEMANA DE CINE DE LUGO
O pasado luns comezou en Lugo a XLI Semana de Cine, que organiza Fonmiña, co apoio do Concello de Lugo, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Universidade de Compostela-Campus de Lugo.
Rendeuse homenaxe ao actor lucense ANTONIO MOURELOS, publicándose un libro de Manuel Curiel, Director da Semana de Cine, na súa honra, que foi presentado no Auditorio Gustavo Freire por Maite Ferreiro, Concelleira de Cultura, o xornalista Antón Grande, o autor, Manuel Curiel, e o Presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz. Este libro será distribuido gratuitamente entre os asistentes ás proxeccións no Auditorio.
De seguido, descubríronse as duas primeiras placas do que vai ser o Paseo do Cine en Lugo, a vía central da antiga factoría Frigsa, que vai desde a Avenida de A Coruña cara ao Auditorio. A primeira foi a de ANTONIO MOURELOS, descuberta polo actor, e logo a Concelleira de Cultura, descubriu a de PRUDENCIA GRIFELL, a gran señora do cine mexicano, nacida en Lugo, homenaxeada en 2004, ano no que se colocou unha placa na casa da Rúanova onde naceu.
Antonio Mourelos saudou aos asistentes á sesión das 20,30 no auditorio municipal, e participo na inauguración oficial da Semana, na que recibiu o agasallo oficial da homenaxe recibida.